• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Navicularia

1996, BOA Music

Berrogüetto estréase cun disco sorprendente que rompe o encallamento da música folk.

Nun manuscrito titulado "De Navicularia", escrito en galego-portugués e firmado por Vigairo Lemos, relátase a historia e vivencias da tripulación dunha nave galega que quedou en corentena á altura da Illa de San Simón. Ao mesmo tempo, outras tres naves de distintas procedencias viviron a mesma situación. Durante esa tesitura as tripulacións dos catro barcos conviviron e a Illa de San Simón converteuse nun crisol de culturas.

Navicularia, o primeiro álbum de Berrogüetto, foi un éxito entre a crítica e o público, recibindo importantes recoñecementos. Con coidado e sensibilidade, de xeito discreto, o seu discurso sorprendía a todos. Este disco é considerado imprescindíbel pola súa combinación de tradición e modernidade.

Once temas nos que os membros de Berrogüetto tocan máis de cincuenta instrumentos e xuntan cancións tradicionais como "Anubía" ou "Vilalbalcán" con temas de composición propia como "Valseiro" ou "Navicularia"

Para este disco Berrogüetto contou coa colaboración das pandereiteiras de Cantigas e Agarimos que poñen a voz a catro temas.

Tras esta espectacular saída ao mercado comezaron as actuacións por festivais e as xiras internacionais por Galicia, España, Portugal, Alemaña, Francia e Reino Unido, confirmando a vitalidade e o prestixio dunha banda galega que se convertía en moi curto tempo nun dos grupos de world music máis importantes do mundo.

Jota de Mórdomo / Danza de Gargamala [2:24 / 1:16]

Música: Tradicional. Recollida por Monserrat Rivera, Felisa Segade e Carlos Vidal

Jota de Mórdomo - Laxe (A Coruña)

Este cantariño novo
quen o soubera levar
as nenas da miña terra
sábeno repenicar.
La pandereta en mi mano
tiene lenghua y sabe hablar
sólo le faltan los ojos
para poder namorar.
Mermura mermuradora
mermura sempre ruín
eu sempre fun mermurada
de quen e menos de mín.


Danza de Gargamala - Mondariz (Pontevedra)

Como pica como pica
como pica miudiño
inda picaba mellor
nunha chavella de viño.
Aquel piñeiro tan alto
no medio ten castañetas
as nenas de Gargamala
non teñen barrigha nin tetas.
Rapazas de Gargamala
que botades ó cabelo
unha herba que hai no monte
que lle chaman tromentelo.