• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Navicularia

1996, BOA Music

Berrogüetto estréase cun disco sorprendente que rompe o encallamento da música folk.

Nun manuscrito titulado "De Navicularia", escrito en galego-portugués e firmado por Vigairo Lemos, relátase a historia e vivencias da tripulación dunha nave galega que quedou en corentena á altura da Illa de San Simón. Ao mesmo tempo, outras tres naves de distintas procedencias viviron a mesma situación. Durante esa tesitura as tripulacións dos catro barcos conviviron e a Illa de San Simón converteuse nun crisol de culturas.

Navicularia, o primeiro álbum de Berrogüetto, foi un éxito entre a crítica e o público, recibindo importantes recoñecementos. Con coidado e sensibilidade, de xeito discreto, o seu discurso sorprendía a todos. Este disco é considerado imprescindíbel pola súa combinación de tradición e modernidade.

Once temas nos que os membros de Berrogüetto tocan máis de cincuenta instrumentos e xuntan cancións tradicionais como "Anubía" ou "Vilalbalcán" con temas de composición propia como "Valseiro" ou "Navicularia"

Para este disco Berrogüetto contou coa colaboración das pandereiteiras de Cantigas e Agarimos que poñen a voz a catro temas.

Tras esta espectacular saída ao mercado comezaron as actuacións por festivais e as xiras internacionais por Galicia, España, Portugal, Alemaña, Francia e Reino Unido, confirmando a vitalidade e o prestixio dunha banda galega que se convertía en moi curto tempo nun dos grupos de world music máis importantes do mundo.

Rosendo en Sabaxáns [3:58]

Música: Tradicional/ Berrogüetto Letras: Tradicional

E aquí canto e aquí canto
e aquí teño que cantar
e aquí perdi mis amores
e aquí los vengho a buscar.
Ai vos ven o San Antroido
coa facela cuberta
axuntaivos mozas todas
vámoslle face-la festa.
Da parte de alá do río
teño unha linda cuñada
éntralle o sol pola porta
e a luna pola ventana.
O corazón dunha pulgha
quen o soubera ghisar
daba xantar e merenda
e a cea para cear.