Berroguetto
  • youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

O Grupo

Berrogüetto

Berrogüetto é un dos grupos de música folk máis prestixiosos de Galiza. No seu repertorio conxugan con destreza a música tradicional e a modernidade.

“Berrogüetto, corpo aberto en sete latexares, trasládanos esa infinita sinfonía, unha voz que xorde de tan dentro que mesmo doe porque é a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible.” Rosa Aneiros, Escritora e gañadora do Premio Xerais 2009 pola novela Sol de inverno

A viaxe épica de Berrogüetto comeza na primavera de 1995 na Galiza, cando seis músicos de procedencias dispares se xuntaron coa intención de levar a música celta tradicional do seu país un paso máis aló, cara o futuro, e experimentar novas sonoridades.

Por que Berrogüetto?

A primeira tarefa, a denominación do grupo, resolvérona cun neoloxismo. BERROGÜETTO é a suma de tres conceptos semánticos. BERRO + GUETTO + SOWETO. Xirando arredor destas tres ideas, elabórase o seu pensamento, o seu discurso e os seus propósitos. Berro parte da convicción de que só coa denuncia podemos camiñar cara un mundo mellor. Trátase de dar voz aos sen voz, un berro en positivo. Gueto (do italiano ghetto) "Minoría de persoas marxinadas da sociedade por motivos relixiosos, políticos, etc. Barrio ou suburbio no que viven. Situación de marxinación na que se encontran". Soweto, barrio do sur de Iohannesburgo que foi a máxima expresión da oposición ao "apartheid". A partir das primeiras revoltas Soweto converteuse en foco de atención internacional, dando luz á situación de racismo e inxustiza que vivía Sudáfrica. Significou o punto de partida cara a democracia, a liberdade e o respecto.

O grupo evoca entón "o grito dos oprimidos". Trasladado á música, os seus compoñentes consideran que o folk sempre estivo oprimido e encorsetado, nun espazo demasiado achicado, onde non pode desenvolver libremente as súas enormes posibilidades. Escollendo este nome revelaban a súa intención de abrir novos horizontes para a música de raíz. Nacía así unha banda innovadora, con ideas diferentes e formulacións orixinais.

Que ofrece Berrogüetto?

Nun prazo moi breve, sen abandonar a súa sensibilidade inicial, Berrogüetto converteuse nunha das formacións de world music máis importantes do mundo. Unha das marcas galegas que funcionan no mercado musical internacional pola súa mestura de paixón pola tradición musical e a experimentación na contemporaneidade. As dúas caras dunha mesma figura nun mercado global onde a pluralidade cultural corre perigo.

Contra esa tendencia, Berrogüetto segue ofrecendo música galega cun radio de acción que transcende as fronteiras de Galiza. Máis alá da música, cren na diversidade cultural coma fonte de riqueza. Hoxe, a súa música, co mesmo selo de sempre - multiplicidade e homoxeneidade, unha das cousas máis difíciles de conseguir nunha banda - ten cabida en calquera escenario do mundo.

A súa inquietude pola música e as súas ganas de innovar leváronos a investigar con sons e instrumentos diferentes. Grazas a esta determinación sempre conseguiron os favores da crítica e recibiu numerosos galardóns e recoñecementos por todo o mundo: Premio da Asociación da Crítica Alemá do Disco ao Mellor Disco de World Music en varias ocasións, Premio Opinión ao Mellor Disco de Folk, finalistas dos Premios da Música da Academia das Artes Escénicas e Musicais como Mellor Álbum en Galego e dos Grammy Latinos ao Mellor Disco Folk, entre outros.

Que prioriza Berrogüetto?

O seu directo transcende máis alá do son, supón unha experiencia na que se une a música, a danza e a imaxe. Precisamente despois dun dos seus concertos Manuel Rivas envioulle o poema "Alalá" (A desaparición da neve, 2009) en agradecemento por aquela actuación. Desta mostra de afecto naceu a colaboración e agora o poema aparece musicado como "Alalá da noite" no último álbum do grupo: Kosmogonías (2010).

Berrogüetto recorreu países como: Galiza, España, Portugal, Alemaña, Francia, Reino Unido, en sucesivas xiras e foron recibidos cos brazos abertos en todos os escenarios nos que se presentaron.

Desde o comezo a banda coida a estética conferida aos seu traballos, non só como mero apoio gráfico, senón coma unha mostra do seu interese pola arte, a fotografía, e o deseño. Co seu último traballo Kosmogonías (2010), o barco Berrogüetto continua navegando océanos musicais por descubrir e explorando novas combinacións de artes e comunicación. Nesta ocasión elaboraron una videocreación coa artista galega Olaia Sendón, na que mostran a súas inquietudes máis profundas e a súa visión do universo.

Ao longo da súa traxectoria a formación foise modificando. O equipo fundador estaba composto por: Santiago Cribeiro, Paco Juncal, Quico Comesaña, Guillerme Fernández, Anxo Pintos e Isaac Palacín. No segundo álbum Viaxe por Urticaria (1999), trala marcha do violinista Paco Juncal, incorpóranse Guadi Galego á voz e Quim Farinha ao violín. Con esta banda gravarían dous discos máis: Hepta (2001) e 10.0 (2006). No ano 2008 Guadi Galego deixa o grupo e intégrase o cantante Xabier Díaz, con quen editan Kosmogonías (2010).

De Berrogüetto díxose:

“Lúdicos, estéticos e abertos ao mestizaxe: Berrogüetto”…” Aí vai un cóctel do que non os resume, pero os suxire: multiinstrumentistas, cualificados, expertos, estetizantes, enerxéticos, lúdicos e abertos a outras culturas. E, sobre todo, seguros do que queren.Fernando Franco, Faro de Vigo

“Berrogüetto é a punta de lanza do amplo renacemento musical que ten lugar en Galicia.” F. Valiño, El Mundo

“Berrogüetto posúe un recoñecemento internacional do que poucos grupos galegos poden presumir.” Óscar Losada, El País de las Tentaciones

“O grupo máis internacional da música galega.” Fernando Neira, Suplemento Babelia de El País