O Grupo
Santiago Cribeiro Acordeón e teclados
Santiago Cribeiro é un dos máis respectados acordeonistas galegos pola súa sensibilidade e amplo repertorio.
O seu interese pola música elle transmitido familiarmente, xa o seu pai tocaba varios instrumentos, e foi con el con quen Santiago Cribeiro colleu o primeiro acordeón sendo aínda un neno.
Estudou nos Conservatorios de Coruña e Santiago. Malia a que se formou academicamente como pianista, o seu instrumento predilecto sempre foi o acordeón.
Empezou a tocar dende bastante novo con Debadoira, grupo de música tradicional da súa vila, Cedeira. Máis adiante trasládase a Vigo onde se integra no Grupo didáctico de Instrumentos Populares da Universidade Popular de Vigo. Con este grupo inicia a súa carreira discográfica, gravando Instrumentos Tradicionais Galegos, un dos discos máis importantes do catálogo instrumental galego.
A comezos da década dos 90 cofunda Matto Congrio con compañeiros Universidade Popular de Vigo, como Anxo Pintos, Isaac Palacín e Carlos Núñez. Con este grupo editaron un único traballo discográfico Matto Congrio (1993).
En 1995 crean Berrogüetto, onde destaca como instrumentista e desenvolve a súa faceta compositiva con temas como "Vinte anos" (Hepta) e "Cracovia" (10.0). No presente Santiago Cribeiro tamén forma parte da banda que acompaña á cantante Uxía, actividade que compaxina con Berrogüetto.
A súa delicadeza á hora de tocar o acordeón sitúao como un dos músicos máis destacados deste instrumento, tanto polo seu amplo repertorio como pola súa extrema sensibilidade.
Santiago Cribeiro gusta de compartir tempo e experiencias con outros músicos. É habitual participante de foliadas como a do pub Casa das Crechas en Santiago de Compostela. Tamén colaborou en multitude de traballos discográficos con grupos e músicos galegos como Uxía e Xabier Mugardos. Son destacábeis a súas participacións en festivais e concertos colectivos como Cantos na Maré ou o Homenaxe a Zeca Afonso en Pontevedra no 2007.