Guille
  • youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

O Grupo

Guillerme Fernández Guitarras

Guillerme Fernández é colaborador habitual de multitude traballos discográficos de grupos e artistas galegos.

É membro integrante de Berrogüetto dende os comezos da formación, onde despuntou como arranxista e compositor. Combina a súa participación na banda con outros traballos nos que exerce ademais de produtor.

Comeza a interesarse pola música dende moi novo, xa que forma parte do seu ambiente familiar, un pouco como xogo, un pouco como afección, pero sempre presente. Ao inicio da súa carreira profesional proba distintos xéneros que co tempo cohesionan nun xeito moi persoal de tocar e entender a música.

En colaboración con Xabier Díaz editou Músicas de Salitre (2005), disco que recibiu o Premio ao Terceiro Mellor Álbum Galego nos Premios La Opinión 2006 e foi Finalista na categoría de Mellor Canción en Galego nos Premios de la Academia de la Música 2006, con “Pedra de sal”. Actualmente preparan xuntos a saída dun novo traballo, A lírica do silencio

Asociado con Guadi Galego creou Espido, unha caste de fusión por roce melódico-armónico dos dous músicos. Foron considerados pola crítica especializada como Segundo Mellor Álbum Galego do Ano dentro dos Premios La Opinión 2006 

Guillerme Fernández é unha persoa con profundas preocupacións sociais e culturais, visíbeis a través da súas composicións e da implicación persoal en proxectos musicais diversos. É obrigado destacar Son Delas, espectáculo multidisciplinar concibido para celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora; Donald Shaw's Harvest, concerto de inauguración do Celtic Connections Festival, que reuniu en Glasgow ás figuras máis importantes do panorama europeo; e Cantos na maré, Festival Internacional da Lusofonía, proxecto cultural pioneiro que aposta por trazar, a través da lingua, da música, dos ritmos e dos sons, un mapa común entre os territorios da lusofonía. 

Guillerme Fernández é colaborador habitual de multitude traballos discográficos de grupos e artistas galegos. Interveu en Segredo a voces (2001) de Anubía, no que ademais aportou a composición orixinal "Nai"; en O circo Monte Curuto (2000) de Os Cempés; e Zume de Terra (2004) de Xosé Manuel Budiño.  

Como guitarrista participou na xira de presentación do disco Madama (2003) de Leilía e formou parte da banda de Xosé Manuel Budiño. 

Musicou e sonorizou tres curtametraxes Domingo hay cocido (2003), Animhombre Machine (2004) dirixidas por Carlos Davila e Minas (2004) de Dani de la Torre. 

En 2005 creou o selo Músicas de Salitre, destinado a dar saída e soporte legal a futuros traballos. 

Desde 2006 conduce con Xabier Díaz o programa radiofónico “Tres peixes voando” na sintonía da Radio Galega.