O Grupo
Quico Comesaña Bouzouki, mandolina, harpa
As influencias da música Medieval, o Renacemento e o Barroco asoman nas composicicións e arranxos de Quico Comesaña.
Comeza na música por influencia familiar, estudando guitarra de maneira autodidacta e como simple afección. A base de practicar e experimentar diferentes estilos, vai configurando a súa liña estética. As influencias da música medieval, do renacemento, do barroco, tanto o estilo tradicional atlántico como o balcánico e outras tendencias máis modernas, asomarán nas súas composicións e arranxos.
Descubre a harpa céltica escoitando a músicos como Emilio Cao, Rodrigo Romaní e Alan Stivell.
A súa curiosidade polo instrumento foi tal que, ante a dificultade de adquirilo, decide construir un modelo experimental dun xeito totalmente improvisado, que curiosamente funcionaba. Paralelamente interésase polo bouzouki, instrumento de orixe grega que foi importado polos irlandeses nos anos 70.
A mediados dos anos 80, achégase a Universidade Popular de Vigo, coa intención de afondar na música tradicional galega, onde realiza cursos de zanfona con Antón Corral e harpa céltica con Rodrigo Romaní. Nesa época, realiza un curso para perfeccionar a técnica na guitarra co músico bretón Soïg Siberil. Posteriormente entra en contacto co mestre de harpa Xabier Gómez.
A súa traxectoria profesional comeza coa fundación do grupo Armeguín en 1985 con quen grava Os Viaxeiros da Luz (1991), Arca Marmórica (1992), Armeguín (1993) e De Raíz (1999). Entre 1992 e 1995 traballa tamén co grupo Fía na Roca, intervindo na grabación do disco homónimo Fía na Roca (1993). En 1995 é convidado a integrarse en Berrogüetto, do que forma parte dende os seus comenzos até a actualidade.
Nestes anos traballa paralelamente con outros artistas: Forma parte da agrupación da cantante Uxía, exercendo como arranxista e intérprete en Estou Vivindo no Ceo (1995). Participa na gravación O Circo Montecuruto dos Cempés (2000). Colabora nos traballos de composición e arranxo na versión musical da obra literaria A Illa das Mulleres Loucas (2005) do escritor Alfonso Pexegueiro. Aparece na gravación Koneripaty do vocalista J. C. San Martín (2009) co propósito de axudar a un pobo da India. Intervén na gravación Contos e Coplas das Estrelas (2009), con motivo do Ano Internacional da Astronomía. Colabora así mesmo no traballo discográfico Cordas Vervas (2010) do cuarteto de harpas Lulavai.
Tamén adica algún tempo a docencia, impartindo en diversas ocasións clases particulares de harpa céltica, e traballou como mestre de guitarra, bouzouki e mandolina no conservatorio A Escola da Vaca de Ferrol.