O sol prende nunha liña
as estrelas nun cordonhe
a lúa nun fío de prata
e eu no teu corazonhe.
Aluméame luniña
aluméame con xeito
se non me das unha fala
esta noite non me deito.
A lúa vai encuberta
xogando ás agachadas
a lúa que me alumea
dentro do teu peito estaba.
Discografía
Kosmogonías
2010, Berro Guetto Música
Berrogüetto aproxímase á ciencia para achegarnos o seu universo e súa filosofía. Convídannos a parar e mirar cara arriba.
"Desde que a primeira pinga de intelixencia brillou na humanidade, a nosa especie non deixou de abraiarse da magnífica visión do espazo e, civilización tras civilización, xamais deixou de xerar mitos, lendas, cosmogonías que poetizaban o movemento dos astros e a súa propia existencia. Porén, cada paso que dá a ciencia, cada novo descubrimento, á vez que derruba antigas crenzas inconsistentes, parece que acentúa en vez de minguar esa sede creativa, esa necesidade de transmutar a emoción en novas melodías." Quico Comesaña
Kosmogonías, lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria, ao berro inicial do universo que coa súa radiación chega ata nós. Kosmogonías é unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Berrogüetto párase e destaca todas aquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar a súa contorna.
Composto por once cancións, Kosmogonías mantén o estilo tan persoal e definido por Berrogüetto desde os seus comezos. Innovadores desde o primeiro traballo, este quinto disco supón unha colección de sons orgánicos, un traballo delicado onde se plasma a alma do grupo a través da súa especial concepción musical.
En Kosmogonías achamos dúas novidades importantes: unha nova voz e un son novo. A incorporación de Xabier Díaz, habitual colaborador da formación, supón a aposta de Berrogüetto por unha voz solista masculina, feito pouco común entre os grupos galegos. Intégrase tamén no grupo a nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona. Este en concreto foi construído de maneira artesanal por Quim Farinha, violinista do grupo e lutier.
É necesario destacar e agradecer tamén as colaboracións dos escritores Rosa Aneiros e Manuel Rivas, quen cedeu un dos seus poemas para a letra de "Alalá da noite".