• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Kosmogonías

2010, Berro Guetto Música

Berrogüetto aproxímase á ciencia para achegarnos o seu universo e súa filosofía. Convídannos a parar e mirar cara arriba.

"Desde que a primeira pinga de intelixencia brillou na humanidade, a nosa especie non deixou de abraiarse da magnífica visión do espazo e, civilización tras civilización, xamais deixou de xerar mitos, lendas, cosmogonías que poetizaban o movemento dos astros e a súa propia existencia. Porén, cada paso que dá a ciencia, cada novo descubrimento, á vez que derruba antigas crenzas inconsistentes, parece que acentúa en vez de minguar esa sede creativa, esa necesidade de transmutar a emoción en novas melodías." Quico Comesaña

Kosmogonías, lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a antimateria, ao berro inicial do universo que coa súa radiación chega ata nós. Kosmogonías é unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Berrogüetto párase e destaca todas aquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar a súa contorna.

Composto por once cancións, Kosmogonías mantén o estilo tan persoal e definido por Berrogüetto desde os seus comezos. Innovadores desde o primeiro traballo, este quinto disco supón unha colección de sons orgánicos, un traballo delicado onde se plasma a alma do grupo a través da súa especial concepción musical.

En Kosmogonías achamos dúas novidades importantes: unha nova voz e un son novo. A incorporación de Xabier Díaz, habitual colaborador da formación, supón a aposta de Berrogüetto por unha voz solista masculina, feito pouco común entre os grupos galegos. Intégrase tamén no grupo a nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona. Este en concreto foi construído de maneira artesanal por Quim Farinha, violinista do grupo e lutier.

É necesario destacar e agradecer tamén as colaboracións dos escritores Rosa Aneiros e Manuel Rivas, quen cedeu un dos seus poemas para a letra de "Alalá da noite".

Líridas de abril [4:20]

Música: Tradicional/ Xabier Díaz / Guillerme Fernández Letras: Tradicional / Xabier Díaz

Eu aquí non canto, canto
eu aquí non canto, canto
se non vexo a eses amores
que eu lles quero tanto tanto.

Aquela que vai alí-e
ten un andar miudiño
hei de andar á súa par
media legua de camiño

Eu alá non vou
eu alá non vou
ela si é de lei
ha de vir acó
ha de vir acó
acó ha de vir
eu alá non vou
eu aló nei d'ir.

Entrai olliños entrai-e
por esa porta para dentro
aínda non vos vin chegar
e tráiovos no pensamento.

Eu alá non vou ...

Eu non quero amores
que vaian ao mar
o mar é moi fondo
poden afogar
poden afogar
poden afogar
eu non quero amores
que vaian ao mar

Eu alá non vou ...

Eu non quero amores ...

Para abril para maio
para o ano que vén
para abril para maio
o meu amor vén
o meu amor