Discografía
10.0
2006, Berro Guetto Música
Un Berrogüetto consolidado cumpre dez anos reinventándose constantemente. Un traballo optimista que aborda os problemas do mundo para calquera oído.
"Berrogüetto é o nome da subversión en contra do acomodaticio e do rutineiro. É a procura dun alén no decorrer das horas de traballo honesto e sincero, na beleza agochada no trasluz da constancia. Berrogüetto é o nome da minuciosidade puntillística, do fino encaixe de harmonía e tempo, da áxil melodía que non se contenta coa súa galanura e alza os ollos para enxergar horizontes máis azuis e máis amplos. Hai agora dez anos que estes artistas viñeron a convulsionar o mundo folk cun discurso diferente e engaiolante." Rodrigo Romaní.
10.0 é o cuarto disco de Berrogüetto, enteiramente autoeditado e só coas colaboracións íntimas de Kin García e Silvia Pintos. O traballo reflecte a evolución persoal da banda como factoría de ideas e a propia duns músicos que sempre rexeitaron producir por producir. Berrogüetto celebraba o seu décimo aniversario presentando ao público a súa intimidade sen demasiadas palabras arredor da música.
Un traballo optimista que aborda os problemas do mundo para calquera oído. É o traballo máis acústico da banda, con viaxes evocadores como "Cracovia" ou "Brest" e apostas influenciadas pola música contemporánea, dende o jazz ao pop.
Esteticamente a banda segue transcendendo da música e apoiándose en case todas as disciplinas converxentes. O deseñador galego Fernando Lema é autor da imaxe do disco e as fotografías son de Karlos Abal.
A xira do espectáculo 10.0 foi un rotundo éxito, levando o "son Berrogüetto" por todo o mundo. O grupo reafirmaba o seu directo coma unha baza de tan impoñente calidade coma o seu traballo de estudio, que xa fora honrado con numerosos galardóns.
Entropialxia [4:33]
Música e letras: Quico Comesaña
cara a outra beira
Deixádeme cruzar
larala...
Teño nas miñas mans
os meus sentidos
Camiños que labrar
larala...
Collendo lume vou
dentro do ar
Húmida terra son, auga vital
De lume o corazón
De ar as veas
De terra e auga son
larala...
A lúa quere ver
a miña cara
Por entre as ramas vai
larala...
De noite espértame
tecendo estrelas
insinuando que
marche con ela.
Quen me pode abrir a porta
Quen me arranca esta cadea
Quero a chave que se esconde
e me ceibe desta xeira.