• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

10.0

2006, Berro Guetto Música

Un Berrogüetto consolidado cumpre dez anos reinventándose constantemente. Un traballo optimista que aborda os problemas do mundo para calquera oído.

"Berrogüetto é o nome da subversión en contra do acomodaticio e do rutineiro. É a procura dun alén no decorrer das horas de traballo honesto e sincero, na beleza agochada no trasluz da constancia. Berrogüetto é o nome da minuciosidade puntillística, do fino encaixe de harmonía e tempo, da áxil melodía que non se contenta coa súa galanura e alza os ollos para enxergar horizontes máis azuis e máis amplos. Hai agora dez anos que estes artistas viñeron a convulsionar o mundo folk cun discurso diferente e engaiolante." Rodrigo Romaní.

10.0 é o cuarto disco de Berrogüetto, enteiramente autoeditado e só coas colaboracións íntimas de Kin García e Silvia Pintos. O traballo reflecte a evolución persoal da banda como factoría de ideas e a propia duns músicos que sempre rexeitaron producir por producir. Berrogüetto celebraba o seu décimo aniversario presentando ao público a súa intimidade sen demasiadas palabras arredor da música.

Un traballo optimista que aborda os problemas do mundo para calquera oído. É o traballo máis acústico da banda, con viaxes evocadores como "Cracovia" ou "Brest" e apostas influenciadas pola música contemporánea, dende o jazz ao pop.

Esteticamente a banda segue transcendendo da música e apoiándose en case todas as disciplinas converxentes. O deseñador galego Fernando Lema é autor da imaxe do disco e as fotografías son de Karlos Abal.

A xira do espectáculo 10.0 foi un rotundo éxito, levando o "son Berrogüetto" por todo o mundo. O grupo reafirmaba o seu directo coma unha baza de tan impoñente calidade coma o seu traballo de estudio, que xa fora honrado con numerosos galardóns.

Sálgame [4:22]

Música e letras: Guadi Galego / Guillerme Fernández
Cura esta ferida
Dáme auga
Dáme alento
Mira estou espida
Son a túa palabra
Ponme o teu acento

Busco a túa mirada
Busco a verdade
Busco e non che minto
Sigo as túas pegadas
Síntote moi perto
Moi perto te sinto.

Dime se estou durmida
Eu non cedo
Non me resigno
Dime se estou perdida
Sinto que non penso
Penso que non sinto

Somente a calma
trae a cordura e razón
trae o placebo para o noso corazón.

Somente a luita
trae a mestura e paixón
trae o placebo para o noso corazón.