• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Hepta

2001, BOA Music

Berrogüetto coida con esmero o seu discurso tanto musical como narrativo e estético. Hepta é unha intervención de artistas de diferentes disciplinas, unha combinación de distintas artes.

Hepta, como é habitual en Berrogüetto, nace dunha premisa ideográfica e conceptual. O seu punto de partida é a reflexión e o xogo arredor do número máxico hepta, número sete en grego... sete notas musicais, sete cores do arco iris, sete belas artes, sete músicos de Berrogüetto, sete amigos...

O terceiro disco de Berrogüetto, Hepta é o máis coral dos seus traballos. Bríndannos trece temas, entre os que hai composicións de todos os seus membros. Hepta é unha mostra da consolidación do estilo desta banda pioneira e da súa madurez como equipo de traballo. Unha vez máis Berrogüetto recibiu o aplauso e recoñecemento da crítica pola súa calidade.

Conceptualmente Hepta é unha intervención de artistas de diferentes disciplinas, unha combinación de distintas artes. É obrigado destacar o apartado gráfico do disco, para o que contaron coa colaboración de Georges Rousse, coñecido artista contemporáneo francés cuxas obras unen fotografía, arquitectura e pintura. Para o encargo de Berrogüetto, Rousse interveu durante unha semana un edificio histórico da antiga fábrica de Sargadelos en Cervo, Lugo. O artista modificou o espazo pintando figuras xeométricas das sete cores, creando un xogo óptico que logo sería captado co obxetivo da cámara. Os compoñentes de Berrogüetto foron parte activa na creación da peza, puxéronse a súa disposición como artesáns, obreiros e actores. Foron á vez obxecto e suxeito da composición. Esta obra foi posible grazas á especial colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e de Sargadelos.

Baixando de ti [4:10]

Música: Guadi Galego
Dame ás de peixe espada
e o vento que non se para.
Cores malvas escollidas
que prenden a luz do día.

Déron-nos día por noite,
déron-nos auga de mel.
Esta vez, non quero doce
Quero vivir nesta pel.

Escollín vivir así.
Arriscando-o todo ate o fin.
Aprendín, esmorecín
mais eu sigo baixando de ti.

Canta tú, cantemos todas,
fagamos do canto un berro,
unha fala, unha verba,
un podo pero non quero.

Nacen ríos sen montañas
Son bágoas que non resbalan,
amores que non se cortan,
historias que non se falan.