• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Viaxe por Urticaria

1999, BOA Music

Berrogüetto reivindica a súa propia Icaria, un lugar propio para a súa música. Unha viaxe utópica que algún día poderá ser realidade.

En Viaxe por Icaria (1840) Etienne Cabet amosábanos un mundo utópico para aquela época: baños en cada vivenda, xubilación aos sesenta e cinco anos e oito horas de xornada laboral... Pero se ben o desenvolvemento da civilización sobrepasou o ideais daquela cidade Icaria, hoxe, aquí en Urticaria, seguimos carecendo da resolución dos ideais espirituais... A súa "Liberdade, Igualdade e Fraternidade" están tan pre-au-sen-tes agora como entón... Urti icaria.

Viaxe por Urticaria, musicalmente falando, é tamén unha viaxe utópica que algún día poderá ser realidade.

Viaxe por Urticaria, o segundo traballo discográfico de Berroguetto corrobora o éxito do primeiro. Esperado polo público e a crítica especializada, alonga a enerxía creativa da música do grupo. Este álbum, publicado en diversas edicións internacionais, sorprende pola conxunción de música e imaxe gráfica da portada: unhas fotografías, obra de Xoán Piñón, onde os músicos impregnados de terra realizan unha metáfora da alternancia entre tradición e contemporaneidade, un dos seus propósitos musicais esenciais.

Viaxe por Urticaria presenta varias novidades. Hai variacións na formación. Paco Juncal abandona o grupo e incorpóranse Quim Farinha (violín) e Guadi Galego (voz, gaita e percusión). No plano musical a incorporación de Guadi Galego supón a integración por primeira vez dunha voz solista.

Neste disco case todos os membros do grupo compoñen algún dos temas, o que abre o abano das aportacións e tamén das percepcións. É por isto que Viaxe a Urticaria nos ofrece un catálogo de cancións que evocan emocións moi diferentes.

Aquí canto [5:06]

Música e letras: Tradicional/Anxo Pintos

E arriba e arriba, arriba
e arriba non podo maise.
(bis)
Non poden os meus sospiros,
alcanzar os vosos aises.
aialá...

O panteiro toca ben,
as ferriñas danlle sonhe.
(bis)
as rapazas que o tocan,
elas, de Sabaxáns sonhe.
aialá...

Canta tu, cantarei eu,
iremos os dous cantando.
(bis)
Canta tu, que tes amores,
os meus vanse acabando.
aialá...

A ruadiña vai boa,
a ruada boa vai.
(bis)
A ruadiña vai boa,
a conta de quen a fai.
aialá...
O mar anda que desanda, anda que desaparece. (bis) Quen ten amores non dorme, quen non os ten adormece. aialá... Adeus que me vou do mundo, porque a terra me chama. (bis) Deixo o testamento feito, que me enterren na túa cama. aialá...