Isaac
  • youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

O Grupo

Isaac Palacín Percusión

A súa traxectoria profesional é moi heteroxénea (rock, folk, blues... ) o que lle proporciona unha notable personalidade.

A música forma parte da crianza de Isaac Palacín. Sempre tivo un fácil acceso a diversos instrumentos musicais, xa que na súa casa eran como xoguetes, estaban á man para probar, experimentar e aprender. Non é casual que dous dos seus irmáns tamén sexan músicos. O que comezou como unha afección foise convertendo paulatinamente na súa profesión.

Formouse como batería e percusionista entre Galiza e La Habana, co mestre cubano Ruy López-Nussa. Aprendizaxe que completou con clases de percusión afrocubana con Emilio del Monte e de percusión tradicional galega con Francisco Estévez.

Entre os 14 e os 17 anos exerce como amateur, formando parte de diversos grupos de rock como La banda del predicador e La nécora Prodigiosa entre outros. Ao ano seguinte fixo a súa primeira incursión no mundo do folk como integrante da formación que acompañaba á cantante Uxía. Estivo tamén no colectivo Ya'sta la truop, colaborando con artistas como Los toreros muertos, Poyito de California e Rafa Kass. Máis recentes son as colaboracións nos proxectos do pianista cubano Jorge Gonzalez "Bombero" ou o autor brasileiro Fred Martíns.

No ano 1991 intégrase en Matto Congrio, compartindo tempo con algún proxecto anterior. Con este grupo, efectúa a súa primeira gravación discográfica, Matto Congrio (1993) Nesta banda Isaac Palacín comeza a tocar con varios dos que posteriormente serán os seus compañeiros en Berrogüetto. En 1995, trala formación de Berrogüetto comezan xuntos unha traxectoria que os levará a percorrer toda Europa en sucesivas xiras.

A longo da súa carreira participou como convidado ou colaborador en diversas gravacións de distintos xéneros, con grupos como Na lúa, Os Diplomáticos de Montealto, Anubía, Batuko Tabanka, Heredeiros da crus, Magín Blanco, Beladona, Lizgairo ou The Chieftains. Paralelamente efectúa tarefas de gravación e coprodución artística con Chouteira, Caldaloba, Pan de Capazo, Santi Quintáns, Paco Charlín e o Seminario Permanente de Jazz entre outros.

Cabe destacar a súa relación co sector audiovisual, no que realizou traballos de Xefe e Postprodutor de Son na longametraxe documental Llanos. Presenza e devir dun fotógrafo (2008) de María Ojea; as curtametraxes documentais de María Reimóndez A Semente e Tecendo o fío da memoria (2006); e a curtametraxe de animación O muíño abandonado (2006) de Lino Fernández.