Anxo Pintos
  • youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

O Grupo

Anxo Pintos Zanfona, gaita, saxo soprano, violín e teclado.

Anxo Pintos é membro fundador de Berrogüetto, e un dos seus máis prolíficos compositores.

Aparte do seu virtuosismo, un dos seus aportes á banda é a maneira de entender a linguaxe, en palabras propias gusta "da linguaxe como xogo para subverter a realidade. É un xeito de darlle a volta ás cousas". Así, nas súas composicións desde os títulos ate a última nota nada é intrascendente.

A primeira vez que Anxo Pintos sentou ao órgano tiña seis anos e aínda non chegaba aos pedais. O seu pai adicábase á música e baile tradicional e a súa nai era cantante lírica. Os dous se ocuparon de iniciar a todos os fillos no amor ao mundo sonoro.

Despois dun breve paso por algunha academia e o Conservatorio de Vigo, en 1983 chega ao obradoiro de Instrumentos Tradicionais de Antón Corral na Universidade Popular de Vigo. Este obradoiro funcionou como catalizador e nexo de unión de músicos e artesáns de toda Europa. Gravaron un álbum de carácter didáctico: Instrumentos Tradicionais Galegos. Este foi un momento clave na traxectoria de Anxo Pintos, xa que optou polo folk e comezou a súa carreira musical fundando o grupo Matto Congrio con varios compañeiros deste obradoiro. Con Matto Congrio gravou un único traballo en 1993.

A día de hoxe compatibiliza o seu traballo en Berrogüetto coa súa participación en Lizgairo, un proxecto que leva a cabo con Rodrigo Romaní e Xosé Liz Cea. Xuntos gravaron Diacronías (2008).

É compositor de numerosas pezas instrumentais, algunhas das cales figuran como peza obrigada en destacados Certames e Concursos de Gaita Solista. Ademais, grupos internacionais da talla de Broderick, The Relick ou a arpista Rachel Hair fixeron versións dalgúns dos seus temas.

Son relevantes tamén as súas colaboracións con grupos como The Chieftains, Milladoiro, Los Piratas, Susana Seivane e Mercedes Peón.

De maneira simultánea leva a cabo unha destacable labor docente na E-Trad, Escola municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo. Desde hai trece anos é Profesor titular de zanfona. Facilitou a recuperación para a escena galega deste instrumento, antes en desuso, deseñando unha metodoloxía de ensino pioneira e específica.

No marco da E-Trad participou no desenvolvemento da primeira orquestra folk galega, Son de Seu, unha experiencia musical, escénica e didáctica que se leva a cabo desde 2001. Ao inicio interveu como un dos mestres coordinadores do traballo pero o proxecto foi medrando coa creación da Fundación Son de Seu, da que é Presidente. Recentemente obtiveron unha axuda do Programa Cultura da Unión Europea para posta en marcha da Rede Europea de Orquestras.