Novas
11.11.2011
Fernando Neira escribe a biografía de Berrogüetto, publicada por Editorial Galaxia xunto cun concerto ao vivo en CD e DVD
Publicado por Galaxia, cun limiar de Manuel Rivas, e escrito polo xornalista e crítico musical Fernando Neira, o libro ‘Berrogüetto. O pulso da terra’ supón a primeira biografía sobre o grupo. O volume, que coincide coa celebración institucional do Ano da Música e co décimo quinto aniversario da banda, vai acompañado do primeiro audiovisual dun concerto ao vivo desta formación, gravado en colaboración coa Televisión de Galicia no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, en novembro de 2010. Inclúe ademais un CD co rexistro sonoro do mesmo concerto no que se presenta un tema inédito.
‘O pulso da terra’ percorre de xeito minucioso a historia do grupo ao longo destes quince anos de actividade, tanto en Galicia como ao longo do Estado español e as súas xiras internacionais. Detalla a peripecia artística de todos os seus integrantes, os sete actuais e os que formaron parte da banda nalgún momento, e retrata a eclosión do folk galego como un dos fenómenos musicais máis relevantes para a recuperación do noso patrimonio cultural.
O libro nútrese de abundantes conversacións mantidas ex profeso para a ocasión con todos os músicos do grupo, así como con outras personalidades da cultura galega e estatal que desenvolveron un papel relevante ao longo destes tres lustros como compañeiros de profesión, colaboradores, representantes, técnicos ou amigos. A través da historia de Berrogüetto, percórrese tamén a historia da música de raíz en Galicia durante os seus anos máis esplendorosos.
Non faltan no libro as fotografías imprescindibles para contar a historia, moitas delas inéditas, nun formato visualmente moi coidado coa estética propia de Berrogüetto e a solvencia técnica da editorial.
Editorial Galaxia e Berrogüetto Produccións acometen este proxecto multidisciplinar de forma conxunta nun exercicio de compartir as bondades e as capacidades que aporta a colaboración entre as diferentes industrias culturais.