Novas
14.03.2010
O 6 de abril publícase Kosmogonías, o novo disco de Berrogüetto
O vindeiro 6 de abril sairá á venda Kosmogonías, o quinto traballo de Berrogüetto, un dos grupos galegos claves e con maior repercusión a nivel internacional. De novo, Berrogüetto introduce interesantes matices de innovación e experimentación na música tradicional galega.
Composto por once temas, Kosmogonías é unha reflexión entre a humanidade e a súa relación co universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Coa voz de Xabier Díaz e a achega de todos os seus compoñentes, Berrogüetto inspírase naquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar o seu arredor.
Colaboracións
Xunto coa acostumada sensibilidade de Berrogüetto, neste disco atoparemos as colaboracións de escritores como Manuel Rivas na letra da canción "Alalá da noite", extraído do poemario A desaparición da neve (Alfaguara, 2009); e Rosa Aneiros, quen preparou un texto para engadir no libreto de Kosmogonías: “Berrogüetto, corpo aberto en sete latexares, trasládanos esa infinita sinfonía, unha voz que xorde de tan dentro que mesmo doe porque é a nosa propia voz feita música. Eles fannos soñar que outra música, outra orde cósmica é posible”.