• youtube YouTube
  • twitter Twitter
  • facebook Facebook
  • spotify Spotify
  • LastFM Last.fm
  • myspace MySpace

Discografía

Viaxe por Urticaria

1999, BOA Music

Berrogüetto reivindica a súa propia Icaria, un lugar propio para a súa música. Unha viaxe utópica que algún día poderá ser realidade.

En Viaxe por Icaria (1840) Etienne Cabet amosábanos un mundo utópico para aquela época: baños en cada vivenda, xubilación aos sesenta e cinco anos e oito horas de xornada laboral... Pero se ben o desenvolvemento da civilización sobrepasou o ideais daquela cidade Icaria, hoxe, aquí en Urticaria, seguimos carecendo da resolución dos ideais espirituais... A súa "Liberdade, Igualdade e Fraternidade" están tan pre-au-sen-tes agora como entón... Urti icaria.

Viaxe por Urticaria, musicalmente falando, é tamén unha viaxe utópica que algún día poderá ser realidade.

Viaxe por Urticaria, o segundo traballo discográfico de Berroguetto corrobora o éxito do primeiro. Esperado polo público e a crítica especializada, alonga a enerxía creativa da música do grupo. Este álbum, publicado en diversas edicións internacionais, sorprende pola conxunción de música e imaxe gráfica da portada: unhas fotografías, obra de Xoán Piñón, onde os músicos impregnados de terra realizan unha metáfora da alternancia entre tradición e contemporaneidade, un dos seus propósitos musicais esenciais.

Viaxe por Urticaria presenta varias novidades. Hai variacións na formación. Paco Juncal abandona o grupo e incorpóranse Quim Farinha (violín) e Guadi Galego (voz, gaita e percusión). No plano musical a incorporación de Guadi Galego supón a integración por primeira vez dunha voz solista.

Neste disco case todos os membros do grupo compoñen algún dos temas, o que abre o abano das aportacións e tamén das percepcións. É por isto que Viaxe a Urticaria nos ofrece un catálogo de cancións que evocan emocións moi diferentes.

A Forza das Mareas [4:37]

Música: Quico Comesaña Letras: Guadi Galego

Vaise o río, vaise o mar,
vaise a forza das mareas,
vaise o río, vaise o mar,
leva a auga das túas penas.

Penas tinxidas de sombras
levan mar na súa partida,
perden forza, perden vida,
marchan xa na despedida.

Eres a chuvia e o sol,
eres a lúa do día,
eres fonte na sequía
e o sentir da miña vida.

Deixa de ser lume novo,
medra por dentro e por fóra,
queima o tempo dos sospiros,
arrecende a rosa nova.